MetalBIO é unha rede galega de investigación sobre a actividade de metais en sistemas biolóxicos. Os obxectivos dos grupos de investigación integrantes inclúen o estudo do papel do metais nos fenómenos naturais, como pode ser o seu comportamento nas metaloproteínas, pero tamén os dos metais introducidos artificialmente.
A rede conta con financiamento por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e nela participan grupos das tres universidades públicas galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e Universidade da Coruña) afincados en cinco campus (Campus Terra, Campus Vida, Campus da Zapateira, Campus do Mar e Campus da Auga).
Grupos integrantes:
SUPRABIOIN. Grupo de Investigación en Química Bioinorgánica e Supramolecular, recoñecido como de referencia competitiva. Investigación en química supramolecular, helicatos cluster, novas rotas de síntese de complexos e estudo da actividade catalítica dos complexos metálicos e a determinación dos mecanismos de reacción destes procesos.
GIQIMO. Grupo de Investigación en Química Molecular e Estrutural. Identificación das interaccións supramoleculares en estado sólido, enxeñaría cristalina de co-cristais, principalmente referida á preparación e crecemento de co-cristais farmacéuticos e agroquímicos e ao estudo dalgunhas propiedades fisicoquímicas de interese farmacolóxico.
QUÍMICA SUPRAMOLECULAR. Investigación en compostos de coordinación supramoleculares, identificación dos seus patróns de crecemento en estado sólido, estudo da comunicación electrónica entre centros metálicos, propiedades magnéticas, recoñecemento molecular e deseño de compostos de renio como modelo de derivados de radiofármacos.
FARMATOX. Toxinas mariñas: Mecanismos de transdución, usos terapéuticos e métodos de detección. Investigación no desenvolvemento de ensaios funcionais para a detección rápida de ficotoxinas mariñas. Medicamentos antialérxicos e antineoplásicos, estudio do seu mecanismo de actuación en celas tumorais.
AICMO. Grupo de investigación en Química de coordinación e Bioinorgánica. Investigación na análise da actividade biolóxica de complexos metálicos e organometálicos, estudios de procesos de desintoxicación de metais pesados, compostos con potencial actividade antitumoral e antibacteriana, estudo dos procesos enzimáticos dos metais en medios biolóxicos.
REACT!. Reactividade química e fotorreactividade. Investigación en axentes de contraste para resonancia magnética de imaxe. Química de lantánidos. Mecanismos de reacción. Fotodegradación de axentes contaminantes.
Grupo GI-1583. Ten unha vasta experiencia na síntese e identificación de complexos metálicos, investigación no deseño de rotas sintéticas para a obtención de ligandos funcionalizados, síntese electroquímica, química de carboranos.
Grupo GI-1201. Estuda os mecanismos dos procesos enzimáticos e presenta a capacidade para investigar a interacción dos modelos metálicos en medios biolóxicos. Investigación en inmunoloxía celular, quinasas proteicas, metabolismo lipídico e estudo do estrés sobre a expresión proteica.